Skip to main content
A risoterapia é unha acción terapéutica que se basea na risa para xerar un incremento do benestar emocional e psicolóxico. O Club de Ocio de FEAFES Vigo acudirá a estas sesións  ao abeiro do programa Conectadas 2016 financiado pola Deputación de Pontevedra. 
En total disfrutarán de 35 horas de risoterapia, que serán repartidas en dúas horas e media á semana. As sesións terán lugar os luns de 17:00 a 19:30 na Oficina Municipal do Distrito de Teis (Camiño Maceiras s/n, Vigo), un espazo cedido gratuitamente polo Concello de Vigo coa colaboración da Concellería de Participación Cidadá. 
Con esta actividade, preténdese que os participantes melloren o seu estado anímico e físico a través da risa, aprendendo a rirse dun mesmo e coas demais persoas. Ademais, tamén axuda a desenvolver a liberdade de expresión das nosas emocións e sentimentos, fomentar o entusiasmo e a actitude positiva, impulsar o bo humor e crear novas relacións con persoas afíns.
Ao longo das sesións, os participantes recibirán un manual específico, unha guía didáctica da actividade e todo o material que sexa preciso para a súa realización. A execución, coordinación e avaliación do programa correrá da man dunha empresa especializada na materia.