Skip to main content
FEAFES Galicia, realiza, por oitavo ano consecutivo, o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán arredor de 60 peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental, monitores e un pequeno grupo de familiares.  
O percorrido comeza o mércores 27 de setembro, en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 29 pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28 quilómetros. Na primeira etapa, os participantes percorrerán os 8 quilómetros que separan Salceda e Arca, ambos no concello de O Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñarán 15,8 quilómetros ata o Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, percorrerán os 4,5 quilómetros restantes ata chegar ao casco histórico compostelán. 
Estas etapas realízase pola mañá, xa que pola tarde os monitores de FEAFES Galicia e das asociacións participantes organizan actividades e dinámicas para que os peregrinos se coñezan entre si, socialicen e teñan un tempo de recreo e distensión. 
Unha vez cheguen a Compostela, todos os participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago. Ese mesmo día, venres 29 de setembro ás 13:00, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte do alcalde, Martiño Noriega, da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e outros membros da corporación municipal. Despois, para despedir a actividade, os camiñantes gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico. 
Os peregrinos que realizan este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Avelaíña, Morea, Andaina, Apem e Saúde Mental Ferrol, todas elas integradas en FEAFES Galicia. Ademais, irán acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que a federación ten nas delegacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago.