O vindeiro sábado 13 de maio, a asociación de saúde mental A Mariña organiza unha cea baile no Restaurante O Castelo (San Ciprián) a partir das 21:30. As entradas teñen un prezo de 35€ dos cales a asociación recadará 5€.
Estes cartos serán destinados ao programa de ocio e tempo de lecer dos usuarios de A Mariña, o cal redunda positivamente na mellora da súa calidade de vida e consecuentemente na súa estabilidade clínica. A actividade de ocio que se financiará cos beneficios desta cea consiste nunha viaxe ao Acuapark de Cerceda o próximo mes de xuño, actividade moi demandada polos participantes do programa de ocio.
As entradas para a cea poderanse recoller ata o xoves día 11 nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo, na Unidade Residencial de Cervo (en horario de 10h a 14h) e no propio restaurante. O menú inclúe ameixas á mariñeira, lombo de pescada ás costas, tenreira asada con patacas e pementos e, de sobremesa, torta da avoa.
Dende A Mariña queren convidar a todo o mundo a que se una a esta xuntanza para gozar dunha noite divertida, relaxada e en boa compañía, á vez que se loita contra o estigma que acompaña ás persoas con enfermidade mental e se conciencia á sociedade da importancia de traballar por unha boa saúde mental.
A velada estará amenizada por “Disco Karaoque Estrella”, quen colabora coa causa desinteresadamente, polo que agradecemos enormemente a súa iniciativa e sensibilidade especial cara as persoas con problemas de saúde mental.
No transcurso da cea haberá sorteos de numerosos produtos que foron doados por empresas da comarca, a quen cómpre agradecer a súa participación: Farmacia O Parque, Afflelou, Carlin, Pousada O Almacén, Cafetería Nordesía, Pizzería O Trasgo, Farmacia Boñar Xove, Restaurante O Castelo, Calzados Tomás, Eroski, Alecrín, Coren, Discibrán, Distribuciones Fraga, Casa Pepe, Peluquería Eugenia de Xove, O Forno de Pepe, Estación de Servicio Otero Vázquez, Frutas la Valenciana. A Mariña conta tamén con algunha doazón anónima e con pezas artesanais elaboradas polos usuarios da entidade.