Skip to main content
A última fin de semana de marzo, os membros do Club de Ocio de FEAFES Lugo gozarán dunha actividade diferente e nova: unha clase de esgrima para iniciarse neste completo e atractivo deporte descoñecido para moitos.
O Club Deportivo Lugo Esgrima será quen acolla esta actividade, abrindo as súas portas para que FEAFES Lugo poida achegarse a unha actividade na que se traballan cuestións como a coordinación, a precisión e a rapidez de movementos.
A clase constará de 2 horas que comezarán cunha pequena demostración por parte dos profesionais a modo de introdución. A continuación, os membros do Club de Ocio de FEAFES Lugo pasarán á acción, coñecendo os instrumentos que se utilizan e aprendendo a colocar o corpo adecuadamente. Con materiais adaptados para quen os precise, os alumnos aprenderán os movementos básicos da esgrima para coñecela un pouco mellor.
O Club Deportivo Lugo Esgrima dedícase á difusión deste deporte en cada unha das súas modalidades: escénica, antiga e sobre todo deportiva, sendo esta última a súa especialidade. Desenvolve actividades dirixidas a todo tipo de público, desde os máis pequenos ata adultos, realizando actividades tanto de lecer como competitivas.