Skip to main content
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade 2017, e na mesma liña das demandas e reivindicacións da Organización de Nacións Unidas e do CERMI, facemos público o seguinte manifesto que foi lido no acto conmemorativo celebrado na Coruña, “Baixo o mesmo paraugas”. 
MANIFESTO 
Hoxe conmemoramos como cada 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, instituído pola Organización das Nacións Unidas. É un día moi especial para todo o colectivo, porque por segundo ano consecutivo reunímonos nada menos que 28 entidades sociais da Coruña e a súa área que traballamos para que as persoas con discapacidade teñan unha vida plena e feliz. 
A nosa voz ten cada vez máis forza. Este ano, a esta mesma hora, centos de persoas asisten tamén a unha gran paraugada de cores nas cidades de Vigo e Pontevedra. 
Esa é a nosa intención: que nun futuro en toda Galicia óiase, alta e clara, a voz das persoas con discapacidade. Todos nos abrigamos baixo un mesmo paraugas e perseguimos un fin común: lograr a plena inclusión, a participación activa na sociedade e a defensa de dereitos. 
E un deses dereitos fundamentais é a accesibilidade universal, que debe ser promovida, amparada e garantida polos poderes públicos, e respectada por toda a cidadanía. Queremos lembrar que no ano 2003 España aprobou unha lexislación básica que establecía que todos os espazos, públicos e privados, tiñan que ser accesibles a partir desa data. 
Mañá, 4 de decembro de 2017, finaliza o prazo legal para que todos os espazos estivesen adaptados. O día chegou, e os deberes non están feitos. 
A pesar dos recordatorios, os continuos avisos e as denuncias reiteradas, asistimos hoxe a un fracaso colectivo como sociedade e como país, imputable especialmente aos poderes públicos e administracións, que evidenciaron a súa incapacidade para garantir o cumprimento da lei en materia de accesibilidade universal. 
Todas as persoas temos dereito a poder facer a nosa vida sen atopar barreiras, non só físicas, senón tamén cognitivas e sociais, acceder a calquera espazo público e privado sen preguntar antes se teñen ou non unha rampla, un baño adaptado, un cartel lexible, un timbre ou un estante a unha altura accesible, ou algo tan básico como dispoñer dun ascensor para saír da túa casa, algo imposible en moitas comunidades de veciños. 
Ante esta situación, o tecido social da discapacidade intensificará a súa tarefa de presión, crítica e denuncia, despregando unha estratexia activa de mobilización e contestación contra os incumprimentos por vulnerar os dereitos humanos desta parte da diversidade social que son as persoas con discapacidade. 
Denunciaranse as violacións de dereitos por falta de accesibilidade universal, esixirase a actuación dos poderes públicos para corrixir as deficiencias existentes, con investimentos suficientes, sancións aos incumprimentos e melloras na lexislación; e promoverase con firmeza trasladar a toda a sociedade a importancia de conseguir esa accesibilidade universal. 
Non estamos sos. Só as 28 asociacións que estamos hoxe aquí representamos a unha base social de máis de 22.000 persoas, pero son millóns de cidadáns os que hoxe, en todo o mundo, esixen o mesmo. 
Ese é o noso poder: as persoas. E xunto a elas estaremos sempre para esixir unha igualdade efectiva e un auténtico estado de benestar sen discriminacións.