Skip to main content
O 16 de febreiro de 1987, un grupo de familiares de persoas con problemas de saúde mental da zona de Vigo deciden crear a asociación Doa, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ofrecerlles unha serie de servizos aos que non tiñan acceso doutro xeito.
30 anos despois, Doa conta con dous centros de rehabilitación situados en Vigo e en Cangas, ao redor de 370 socios e máis de 20 traballadores. A asociación ofrece recursos e servizos encamiñados a facilitar unha vida o máis plena, autónoma e normalizada posible ás persoas con enfermidade mental da súa zona de actuación.
Para celebrar estes 30 anos de traxectoria, Doa prevé organizar unha serie de actividades que teñen o seu pistoletazo de saída, precisamente, o mesmo día que 30 anos atrás constituíuse a asociación. O 16 de febreiro, ás 12:00, representantes municipais de Vigo e Cangas acudirán a un acto no que se colgarán carteis conmemorativos nas fachadas das instalacións de Doa e realizarase un lanzamento de globos co logotipo da entidade. 
Así mesmo, tanto o xoves 16 como o venres 17 haberá unha xornada de portas abertas nas instalacións da asociación na que se poderán visitar as súas dependencias e ver o traballo que se realiza diariamente. Estas xornadas terán lugar nos Centros de Rehabilitación Psicosocial de Vigo (C/Romil, 84) e Cangas (C/Andalucía, 3, baixo). 
Para asistir ás xornadas de portas abertas é necesario confirmar a asistencia mediante correo electrónico (gestion@asodoa.org) ou teléfono (Vigo: 986 483208, Cangas: 986 304015). Desde Doa convidan a todo o mundo a participar nesta celebración e conmemorar, todos xuntos, 30 anos de traballo a favor da saúde mental.