Con motivo da celebración o 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental, o Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas organiza, un ano máis, a Semana da Saúde Mental co obxectivo de visibilizar o traballo que se fai coas persoas con enfermidade mental e as súas familias tanto dende as distintas asociacións do entorno como dos concellos que integran o Consorcio As Mariñas.
A este propósito, entre os actos organizados, o xoves 15 de outubro ás 19:30 realizarase unha mesa redonda e a entrega do II Premio José Luís Muruzábal no auditorio das Torres de Santa Cruz de Oleiros. Nesta xornada participa a asociación Apem como colaboradora.
Mesa Redonda: “O ingreso non voluntario do paciente psiquiátrico”
Nesta mesa abordarase unha cuestión que preocupa moito ás familias e aos profesionais dos Servizos Sociais: a grave situación que se produce cando un enfermo psiquiátrico precisa dun ingreso hospitalario ante unha crise e non quere facelo.
Para tratar este tema participarán representantes do ámbito xudicial e do sanitario, ademais dun representante das familias e outro dos propios pacientes, coa fin de coñecer en primeira persoa como o viven eles eses momentos. Unha visión fundamental nese obxectivo de empatizar co enfermo psiquiátrico e tratar de poñernos no seu lugar.
Entrega do II Premio José Luís Muruzábal
Con posterioridade á mesa redonda, José Luís Santiso Miramontes, presidente do Consorcio As Mariñas, entregará o II Premio José Luís Muruzábal para experiencias innovadoras no ámbito da saúde mental ao proxecto gañador na edición deste ano. Este ano presentáronse un total de 6 proxectos de distintos puntos da comunidade autónoma, abordando a integración dende o ámbito educativo, laboral, deportivo, etc. O proxecto gañador, ademais de recibir os 2.000€ cos que está dotado o premio, será presentado a toda as persoas que asistan ao acto.
José Luís Muruzábal foi presidente da asociación Apem dende 1987 ata o seu falecemento o ano pasado. Igualmente, formou parte da Xunta Directiva da Federación durante os últimos anos da súa vida, defendendo sempre os dereitos das persoas con enfermidade mental e buscándolles un futuro digno. Os premios que levan o seu nome queren render homenaxe a un gran impulsor da mellora na calidade de vida deste colectivo en Galicia.