Skip to main content
O xoves 5 de maio, os membros do Club de Ocio de FEAFES Santiago quedarán ás 10:30 na estación de autobuses de Compostela para comezar un día de excursión á cidade da Coruña.
Alí visitarán o Aquarium Finisterrae, coñecido polos coruñeses como a Casa dos Peixes, que é un centro interactivo de divulgación científica sobre aspectos relacionados coa bioloxía mariña, a oceanografía e o mar en xeral. Este museo pretende promover o coñecemento do océano e educar actitudes positivas de agarimo cara o medio mariño, así como contribuír ao coñecemento científico da vida mariña. 
Despois desta visita, os membros do Club de Ocio achegaranse ata a Domus, o primeiro museo interactivo do mundo dedicado ao ser humano. Nel, os visitantes poderán viaxar polos recunchos máis recónditos do corpo humano, espertando a súa curiosidade ao divertirse e reflexionando mentres curiosean os múltiples artiluxios do museo.
Tras unha comida de picnic polos arredores da Torre de Hércules, os excursionistas poderán admirar o único faro romano que cumpriu coa súa función primixenia dende os seus orixes ata a actualidade: a de servir de sinal marítima e instrumento de navegación para os barcos que atravesan as augas do Atlántico. 
Tras esta última visita, está previsto regresar a Santiago no autobús das 19:00.