Skip to main content
O sábado 11 de maio, os Clubs de Ocio de FEAFES Vigo e Ourense pasarán un día na paraxe natural das Illas Cíes, un paraíso de praias e augas cristalinas cunha contorna natural que o converten nun observatorio de fauna e flora único.
A excursión comezará ás 11:45 no porto de Vigo, dende onde os visitantes tomarán un barco ao arquipélago atlántico. Unha vez na illa de O Faro, terán a oportunidade de gozar da praia de Rodas, onde poderán tomar o sol, bañarse e xogar ao balón, ao frisbi ou ás pas. 
Ademais, os máis deportistas e aventureiros poderán facer unha ruta de sendeirismo pola illa para visitar o monte Faro e o faro da Porta. Este paseo ofrece unha das vistas máis espectaculares da ría de Vigo desde a cima do monte, descendendo despois e bordeando a illa pola súa banda máis meridional permitindo unha visión do arquipélago máis próxima ao mar.
Tras pasar o día na illa, a volta ao porto de Vigo está prevista para as 19:15.