O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia está a organizar unha serie de actividades gratuítas dirixidas a diversos públicos (público xeral, familias, adultos e infantil), para “vivir o outono nas Illas Atlánticas”. As actividades vanse desenvolver ao longo da primeira semana de outubro no Centro de Visitantes do Parque Nacional, en Vigo, e durante a fin de semana nas illas Cíes e Ons. O seu obxectivo principal é dar a coñecer os importantes valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Os membros do Club de Ocio de FEAFES Vigo participarán nalgunhas destas actividades, nomeadamente no ciclo cinematográfico “Cine en verde” que se desenvolverá todos os venres ata mediados de novembro. Nestes ciclos proxectaranse películas ou documentais relacionados coa natureza e o medioambiente.
Parte da proposta de “Vivir o outono nas Illas Atlánticas” está enmarcada na celebración dos Cen Anos de Parques Nacionais, esta semana dedicada ao Parque Nacional do Garajonay, e en xeral aos 15 Parques Nacionais existentes en España, como espazos naturais protexidos e cun valioso legado patrimonial.
Todas as persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades, deberán reservar a súa praza a través dos Puntos de Información das Illas Cíes e Ons ou do Centro de Visitantes Cambón.