Skip to main content
A área de Sanidade do Concello de Ourense organiza a XIV Feira da Saúde baixo o lema “Falemos da depresión”. A cita será os días 30 e 31 de maio nos xardíns de Bispo Cesáreo, na avenida de Pontevedra, onde se instalará unha carpa informativa. 
Este ano, contarase coa participación de 35 entidades da cidade que traballan no ámbito da saúde, entre as que se atopa FEAFES Galicia. Na súa caseta, que se poderá visitar de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:30, a delegación ourensá de FEAFES mostrará o labor que realiza a favor das persoas con enfermidade mental, defendendo os dereitos deste colectivo, promovendo a súa saúde e loitando pola mellora da súa calidade de vida.
Ademais, todas as persoas que se acheguen á carpa poderán realizar recoñecementos médicos, mentres que as farmacias da cidade realizarán rexistros sanitarios gratuítos. Tamén haberá outras actividades como obradoiros e charlas sobre diversos temas relacionados coa saúde, de entre as cales FEAFES Galicia impartirá a charla “Como axudo a un amigo/a ou familiar con depresión?”, que terá lugar o 30 de maio de 11:00 a 11:30 na carpa exterior (Avenida de Pontevedra).
Outras actividades como dinámicas asistidas por animais, taller de risoterapia ou conta contos en lingua de signos completan o programa da XIV Feira da Saúde. Como novidade, a programación inclúe un evento de desenvolvemento persoal a cargo dos expertos Juanma Quelle e Pedro Campos, que terá lugar o 1 de xuño no Auditorio.