Ao igual que os últimos anos, a asociación Fonte da Virxe organiza unha exposición dos traballos realizados polos seus usuarios no Centro de Rehabilitación e o Centro Ocupacional da entidade. Esta mostra é posible grazas á colaboración coa Fundación Eugenio Granell, a cal acollerá a exposición na súa sede en Compostela.
A mostra leva por nome “Vive a saúde mental, acepta a diferencia”, título escollido polas persoas usuarias que conforman o Comité en 1ª Persoa da asociación. Nela, poderán verse obras realizadas en diversas técnicas e formatos, todas elas artesanais, que comprenden traballos de cerámica, coiro, encadernación, etc.
O obxectivo desta mostra é dar a coñecer á cidadanía a labor que realiza Fonte da Virxe e o traballo que fan as persoas con problemas de saúde mental, coa fin de visibilizar ao colectivo e reivindicar o seu papel como parte activa da sociedade. Por iso, Fonte da Virxe quere dedicar a exposición a todas aquelas persoas que aceptan a diferencia e que loitan contra o estigma.
A inauguración da exposición terá lugar o martes 11 de decembro ás 18:30 na sede da Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, 8) e poderá visitarse ata o 16 de decembro.