O Salón de Teatro de A Paxareira, en Dodro, acollerá a I Xornada de Teatro en Saúde Mental organizada pola asociación Andaina, un encontro no que participarán cinco asociacións membro de FEAFES Galicia e no que a arte e a diversión serán as protagonistas.
A xornada terá lugar o venres 16 de outubro e transcorrerá entre as 11:00 e as 18:45. As asociacións Albores (Monforte e Chantada), Andaina (Dodro e Ordes), Morea (O Barco de Valdeorras), A Mariña (Cervo, Burela e Ribadeo) e Doa (Cangas e Vigo) serán as encargadas de encher de maxia o Salón de Teatro a través das súas historias e personaxes. Pola súa banda, os compañeiros de Avelaíña (A Guarda e Baiona), A Creba (Ribeira e Noia), Afaes Porta Nova (Narón) e Itínera (Santiago) disfrutarán dende as butacas desta mostra teatral.
O primeiro grupo en actuar será Albores coa súa peza “Ábrese o Telón”, unha representación que pretende dar renda solta á imaxinación e á improvisación partindo de chistes coñecidos que son analizados e desentrañados polos propios actores. A continuación, intervirá Doa, que baixo o nome “Contos”, amosa o resultado de todo un ano de traballo construíndo personaxes, texto, espazos, e dándolles vida.
A Mariña tomará o escenario despois para interpretar “O cazo de Sabela”, unha obra que trata metaforicamente o tema da saúde mental a través da historia dunha nena á que de súpeto lle cae un cazo enriba e ten que aprender a vivir con el. Tras a comida, Morea deleitará ao público con “Microencontros”, un puzle de pequenas escenas inconexas que farán reflexionar sobre as emocións, os sentimentos e a felicidade.
E para finalizar actuará o grupo anfitrión, Andaina, que deleitará ao público cunha reinterpretación do clásico “Romeo e Xulieta” baixo a dirección de Fran Rei. A asociación asegura que se decantou por esta xoia da literatura universal porque si, porque lles gusta, porque lles da a gana e, sobre todo, porque poden. A través das peripecias dos Montesco e os Capuleto, Andaina descubrirá episodios sorprendentes da tan coñecida historia de amor.
Unha vez rematadas todas as obras, ás 18:30 terá lugar unha entrega de premios e a clausura das xornadas, desexando que o encontro se repita os vindeiros anos.