A educación en valores e na diversidade, así como a inclusión e a práctica deportiva son a razón de ser da Carreira de Obstáculos pola Integración ENKI, unha cita única en Galicia que o vindeiro domingo 22 de outubro regresa á cidade da Coruña para celebrar a súa cuarta edición. A carreira está organizada pola Fundación Abrente, a Fundación María José Jove, Obra Social “la Caixa” e o Concello da Coruña.
A organización quixo resaltar un ano máis o carácter non competitivo dunha cita para todas as idades que promove a integración e a visualización de colectivos e persoas con diversidade funcional, así como o respecto e a educación na diversidade.
Públicos de todas as idades e condicións (nenos e nenas, familias, grupos de amigos e amigas, deportistas e non deportistas, homes e mulleres de diferentes xeracións, persoas con mobilidade reducida, atletas e amateurs, etc.) tomarán partido por equipos na IV Carreira de Obstáculos pola Integración ENKI. Os participantes haberán de cubrir un circuíto de 2.000 metros aderezado por divertidas probas e obstáculos, como un labirinto de cordas, unha montaña de pneumáticos, unha guerra de fariña (sen glute), un corpo a terra, unha batucada ou un baño de escuma, entre moitos outros.
Como sempre, o percorrido estará adaptado e preparado para que todo o mundo poida superalo e gozar da proba. Non haberá un gañador, senón que se outorgarán premios a diferentes categorías (ao equipo máis numeroso, ao máis animado e ao máis orixinal). Neste sentido, un ano máis, a organización convida os participantes a “vestirse para a ocasión”, xa que premiará ao equipo co mellor disfrace.
O evento dará comezo ás 10.00 co Espazo da Solidariedade. Ás 11.00 horas terá lugar un quecemento musical colectivo e, a continuación, comezarán as saídas dos equipos, organizados por cores, que terán lugar cada 10 minutos.
Espazo da solidariedade
En paralelo á proba deportiva, o público tamén poderá gozar de 10.00 a 14.00 dunha serie de actividades deportivas, lúdicas e educativas abertas a todos os públicos en prol da integración. O Espazo da Solidariedade, situado na chaira da Cidade Deportiva de Riazor, contará con casetas de máis de 20 colectivos que agrupan a persoas con diversidade funcional, onde terán lugar todo tipo de xogos e talleres de sensibilización para toda a familia, co obxectivo, un ano máis, de converter o evento nunha festa onde a diversión e o deporte déanse a man.
Entre as entidades presentes no Espazo da Solidariedade atoparanse ARELA, ARTEFIOS, ASEM Galicia, ASPACE, DOWN CORUÑA, DUCHENNE PARENT PROJECT ESPAÑA, FEAFES, APEM, FEGEREC, ACEM ESCLEROSE MÚLTIPLE, FIBROARTEIXO, GRUMICO, INGADA, PAI MENNI, CENTRO OCUPACIONAL PASCUAL VEIGA, REDE ESPAÑOLA FM, SFC e SQM, entre outras.
Vía EnkiProyecto.