Skip to main content
O Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo acollerá a “IV Xornada de Teatro é Saúde Mental”, un encontro organizado pola asociación DOA Saúde Mental, coa colaboración de Saúde Mental FEAFES Galicia, no que participarán seis asociacións procedentes de toda Galicia. Esta actividade permite, entre outras cousas, afondar e incentivar o emprego do teatro como ferramenta terapéutica, a través da cal as persoas con problemas de saúde mental poden expresar sentimentos, situacións e sensacións.
A xornada terá lugar o xoves 22 de novembro de 09:30 a 19:00. As asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Avelaíña (A Guarda), A Mariña (Burela), Apem (A Coruña e Carballo), Morea (O Barco) e Doa (Cangas) serán as encargadas de interpretar un total de nove funcións nas que os protagonistas son as persoas usuarias das asociacións. Entre estas funcións, diversos actores e monologuistas amenizarán a xornada durante os cambios de espectáculo.
A temática e posta en escena das obras inclúe todo tipo de estilos, dende funcións de contido sensibilizador ata sketches cómicos e adaptacións de obras clásicas. Trátase de espectáculos preparados nos grupos de teatro das entidades, onde as persoas usuarias traballan dende o texto ata a construción das personaxes, a posta en escena e o decorado. Deste xeito, poñen en marcha diferentes manifestacións artísticas e fomentan a creatividade como medio de expresión e diversión.
O obxectivo deste encontro é compartir unha xornada lúdica e creativa onde superar o estigma das enfermidades mentais mediante o contacto e o intercambio de experiencias entre as distintas asociacións. Ademais, este tipo de actividades permiten poñer de manifesto o traballo, talento e creatividade das persoas con problemas de saúde mental, facendo fincapé nas súas capacidades e normalizando a percepción social que hai cara elas.