Esta actividade formativa está dirixida a persoas con enfermidade mental, familiares, coidadores e á cidadanía en xeral. O primeiro taller celebrarase o 13 de marzo en Ourense e repetirase o día 20 en Ferrol, o 26 e A Coruña e o 29 en Lugo. A continuación, o 11 de abril levaranse a cabo os obradoiros de Santiago e Vigo. Finalmente, o 17 de abril impartirase a actividade en Pontevedra.
Os talleres celebraranse en horario de 16.30 a 19.30 horas en todas as cidades. Para máis información e para inscribirse nos obradoiros débese consultar a web www.sergas.es/escolasaude ou enviar un email a escola.saude@sergas.es. Tamén se pode contactar con Feafes Galicia a través do teléfono 981 554 395.
O obxectivo destes talleres é informar sobre os mitos e realidades do suicidio e eliminar o estigma asociado a estas condutas. Ademais, inténtase proporcionar aos coidadores, familiares, pacientes e á cidadanía en xeral as habilidades e coñecementos necesarios para recoñecer os sinais de alerta e manexar a situación.
Así, ao longo das tres horas de duración do obradoiro, os expertos explicarán os mitos e ideas erróneas sobre o suicidio, os sinais de alerta e os elementos que poden precipitar a conduta suicida. Ademais, indicarán que se debe facer ante unha persoa con posible conduta suicida e ante aqueles que sufriron o suicidio dun achegado.