Skip to main content
Os membros do Club de Ocio de FEAFES Vigo mergúllanse nas artes escénicas nun interesante obradoiro de improvisación teatral que comezou en abril e continúa os días 3, 10, 24 e 26 de maio de 17:00 a 20:00 no Instituto Municipal de Educación (Camiño do Chouzo, nº 2). Estas xornadas, impulsadas pola Concellaría de Normalización Lingüística de Vigo, constan dun total de 21 horas e están destinadas a adolescentes ou adultos non profesionais no eido das artes escénicas.
Antes do comezo dos obradoiros, houbo dúas charlas explicativas nas que se achegaron os contidos e as dinámicas de traballo aos participantes. Despois, nos propios talleres, os alumnos aprenden a trasladar os distintos recursos expresivos que utilizan na súa vida cotiá a un espazo ficcional, atopando tamén nesta viaxe os principios propios do teatro e as bases específicas das artes escénicas, que se traballan dende un punto de vista eminentemente lúdico.

Por outra banda, os obradoiros de improvisación teatral empregan a creatividade teatral como recurso para
fomentar a normalización da oralidade en galego como lingua de cultura e de ocio, incorporando textos da literatura
dramática galega contemporánea e empregando a lingua como pauta nos xogos
teatrais e nas improvisacións.

Estes talleres teñen un carácter eminentemente práctico e lúdico, se ben ao seu remate os participantes terán adquirido nocións básicas de teatralidade, da acción dramática, da construcción de personaxes ou da improvisación.