Do venres 2 ó domingo 4 de maio, o Club de Ocio de FEAFES Coruña desprazarase ata o lugar de Hío para coñecer a nova casa vacacional da Federación, onde os usuarios pasarán unha divertida fin de semana de convivencia, desconexión, visitas e momentos lúdicos. O concello de Cangas do Morrazo é un lugar privilexiado para este tipo de actividades, pois conta con múltiples atractivos turísticos, lúdicos e culturais ós que sen dúbida os nosos usuarios saberán sacarlle moito partido!
Por outra parte, o venres 23 de maio, o Club de Ocio de FEAFES Coruña acudirá á I Gala Solidaria “Siente Coruña” organizada pola Asociación Zona Comercial Obelisco. Trátase dun evento benéfico que terá lugar ás 20:30 no Teatro Colón e cuxa recadación irá destinada á Cociña Económica da cidade. Nel haberá música e danza por cortesía da Escola Presto Vivace, e tamén moita moda coa colaboración de Mundo Juego e a participación de diferentes establecementos comerciais de Zona Comercial Obelisco.
E para completar o mes, o Club de Ocio de FEAFES Coruña concertou un bautismo de mar no Real Club Náutico da Coruña o domingo 25. Consistirá nunha viaxe en barco, dunha duración aproximada de 1h 30 min, onde os usuarios recibirán unhas pequenas nocioóns de navegación. A continuación, se o tempo acompaña, completaremos o día cun picnic na zona de San Amaro.