Skip to main content
Os membros do Club de Ocio de FEAFES Lugo participarán o domingo 22 de maio nunha andaina de 8 quilómetros polos arredores da capital lucense. 
Trátase da ruta “Pedras de Lenda: deuses, covas e mouros”, que xunto a outras rutas organizadas no marco do programa “Terras de Auga e Cultura” do Concello de Lugo, pretende poñer en valor distintos aspectos do entorno lucense como a xeoloxía, a bioloxía, a antropoloxía, o patrimonio histórico-artístico, a arquitectura e o deseño.
Neste caso, os lugares que verán os camiñantes xirarán fundamentalmente en torno á xeoloxía. Neste senso, os participantes poderán descubrir os distintos tipos de pedras e rochas que configuran a paisaxe, os diferentes períodos xeolóxicos que se poden recoñecer e os diversos usos que se lle da á pedra na terra galega. 
A ruta Pedras de Lenda comezará ás 10:30 na Porta Bispo Aguirre da Muralla de Lugo e transcorrerá por Domus do Mitreo, Penas de Rodas e Pena Moura. A actividade inclúe un xantar de campo, para o cal os participantes deberán levar algo para comer e para beber.