Este verán, dúas asociacións de FEAFES Galicia poderán pasar un divertido día no parque acuático de Cerceda: 22 persoas de Porta Nova e 30 de Andaina irán ao Acuapark o 22 de xuño.
Esta actividade é posible grazas á colaboración do parque acuático, que leva catro anos facilitando entradas para que persoas con enfermidade mental poidan gozar dun ocio normalizado e integrador.
FEAFES Galicia traballa para mellorar a calidade de vida e defender os dereitos das persoas con enfermidade mental. Para iso, conta con múltiples servizos entre os que se atopa o de Ocio e Deportes, que ten como obxectivo facilitar a plena integración social destas persoas a través de actividades que rompen coa rutina diaria, que lles permiten facer exercicio físico, adquirir autonomía e socializar.
Grazas á visita ao Acuapark de Cerceda, os usuarios das asociacións Porta Nova e Andaina beneficiaranse de todas as vantaxes que implica a realización de actividades lúdicas e deportivas.