Skip to main content
O venres 5 de maio, FEAFES Galicia celebra o V Campionato de Tenis de Mesa, un encontro lúdico e deportivo no que participarán cinco asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma: APEM (A Coruña), Alume (Lugo), Doa (Cangas e Vigo), AFAES Porta Nova (Narón) e FEAFES Santiago.
O torneo terá lugar no Club do Mar de San Amaro de A Coruña ao longo de toda a mañá e nel desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán arredor de 30 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.
As actividades de ocio e deportes que organizan FEAFES Galicia e as súas asociacións membro axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.