A asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración con FEAFES Galicia, celebra o venres 15 de setembro o VI Campionato de Tenis de Mesa dirixido a persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán seis asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.
O torneo terá lugar no Pavillón Campo da Serra (Av. Santa Icia, 27, 15570 Narón) dende as 09:30, hora á que comezarán a chegar os xogadores, ata as 14:00, hora prevista de remate. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán arredor de 36 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.
As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a seis asociacións e delegacións de FEAFES Galicia: Alume (Lugo), Alba (Pontevedra), Andaina (Dodro e Ordes), Doa (Cangas e Vigo), APEM (A Coruña), FEAFES Santiago e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.
Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de FEAFES Galicia amosan á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.
