EAPN-Galicia organiza o VI Foro de Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado que terá lugar o próximo 30 de novembro na Facultade de Economía e Empresariais da USC, en Santiago de Compostela.
Neste encontro quérese profundar na relación entre as políticas de emprego e as de inclusión social, así como nos desafíos das diferentes políticas de emprego (formación, orientación, emprego con apoio, garantía xuvenil, etcétera) e ver como aumentar o impacto que teñen nas persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión, así como a imprescindible coordinación entre e dentro das administracións e co Terceiro Sector Social.
O VI Foro pretende ser unha continuación do traballo iniciado nas edicións anteriores contribuíndo á capacitación e participación dos asistentes, ademais de visibilizar a realidade da desigualdade, a pobreza e a exclusión social en Galicia e a importancia que o Terceiro Sector e o voluntariado teñen na implantación de políticas de inclusión social activa.
Cun enfoque práctico e construtivo, contará coa participación de expertos en materia de emprego e inclusión social, desemprego de longa duración, políticas de emprego para a mocidade e formación enfocada á inserción laboral. Ás 16:30 terá lugar a mesa de diálogo “Como melloramos a integración das persoas desempregadas de longa duración no mercado laboral?” na que intervirá Carina Fernández, Coordinadora de Servizos e Programas de FEAFES Galicia, xunto a outros tres relatores.
O proceso de inscrición é gratuíto e xa está aberto. As prazas son limitadas, polo que é importante inscribirse antes do 28 de novembro nesta ligazón.
Para consultar o programa, pica aquí.