Un total de 55 persoas pertencentes ás asociacións de FEAFES Galicia participarán nunha viaxe de tres días a Asturias onde poderán visitar Xixón e outras localidades da zona. Os participantes pertencen ás asociacións APEM, AFAES Porta Nova, Alume, Doa, Alba, Avelaíña, Morea, Albores, Lenda, Andaina e A Mariña.
A viaxe comezará o 4 de abril, día no que sairá o autobús pola mañá podendo gozar pola tarde de Ribadesella, unha poboación típica asturiana a beiras do Río Sella, no que se realiza cada ano a Festa das Piraguas e coñecida tamén pola excelente calidade dos seus salmóns. A continuación, os viaxeiros pasarán por Villaviciosa, coñecida como a capital da mazá.
O segundo día toca visitar El Entrego, onde se pode ver o Museo da Minería que está situado nunha antiga explotación mineira e ofrece a posibilidade de descubrir a técnica e orixes dunha das principais industrias da comunidade asturiana. Pola tarde haberá unha visita guiada a Oviedo, na que se pasará polo Palacio de Congresos, o Campo de San Francisco, o Teatro Campoamor, os exteriores da Catedral, a praza Trascorrales, a praza do Concello, o Mercado etc.
Finalmente, o 6 de abril, haberá unha visita por Xixón cun guía local, onde destaca o cerro de Santa Catalina coa escultura de Eduardo Chillida, o barrio de Cimadevilla, o conxunto histórico artístico e a Universidade Laboral. Tras o xantar, os viaxeiros sairán cara a Avilés, onde haberá tempo libre para coñecer a cidade máis industrial de Asturias, unha cidade chea de vida cultural, moi comprometida coa literatura, a música, o teatro, o cinema e a pintura. Tras a visita a Avilés, o autobús continuará o seu traxecto ata Galicia, dando por finalizado a viaxe.