Skip to main content
O 6 de marzo, os membros do Club de Ocio de FEAFES Ourense participarán unha andaina solidaria organizada polo Concello de Cenlle que leva por nome “Nico contra o cancro infantil”. Trátase dunha actividade que ten unha dobre finalidade: por un lado, a solidariedade por unha boa causa e, por outro lado, dar a coñecer a riqueza natural, paisaxística, termal e patrimonial deste municipio da comarca de O Ribeiro. 
A andaina consiste nunha ruta circular de 18 km de dificultade media que partirá da Praza da Tenencia de Cenlle ás 09:30. O percorrido pasará por lugares como Osmo, Riobó, Cuñas, San Clodio e Esposende. Dende estes dous últimos, haberá un servizo de autobuses a Cenlle para aqueles camiñantes que decidan acurtar a súa ruta.
A iniciativa conta tamén cunha ruta alternativa para os máis pequenos. Así, os nenos de 3 a 8 anos poderán facer a “andaina baby”, de 1 km de lonxitude, que conta cun servizo de gardería con monitores ata o remate do percorrido.
Un 40% da recadación obtida a través da inscrición a esta andaina, que custa 5€, irá destinada ao movemento “Nico contra o cancro infantil”, unha iniciativa promovida polos familiares dun neniño ourensán de 15 meses afectado de neuroblastoma, que emprenderon unha loita para apoiar e conseguir financiamento para a investigación do cancro infantil. Se queres saber máis sobre esta iniciativa, visita a súa web