A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, celebra o venres 2 de marzo o VII Campionato de Tenis de Mesa protagonizado por este colectivo. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán seis asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.
O torneo terá lugar no Club do Mar de San Amaro de A Coruña ao longo de toda a mañá e nel desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán arredor de 35 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.
As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a seis asociacións e delegacións de FEAFES Galicia: Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Oroso), APEM (Cee e Vimianzo), FEAFES (Santiago), Lenda (Redondela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón).
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva destas persoas, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.