O vindeiro xoves 26 de novembro, FEAFES Galicia celebra as VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema “Definindo modelos cara a inclusión laboral”.
Neste encontro, que terá lugar no Museo Verbum de Vigo entre as 09:00 e as 18:30, expertos de toda Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.
As xornadas poñen o acento sobre a importancia do emprego no desenvolvemento persoal de calquera individuo e, á súa vez, as dificultades ou retos engadidos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental á hora de conseguir un traballo. O encontro non se limitará a expor a situación actual e as dificultades que existen neste eido, senón que tamén presentará posibles camiños ou obxectivos de futuro, aportando diversas visións a través das intervencións de múltiples axentes vinculados a esta realidade.
Entre os temas que se abordarán, falarase do tratamento asertivo comunitario, a importancia da atención integral e a coordinación entre recursos. Explicarase tamén o traballo dun Centro Ocupacional, do mesmo xeito que se presentarán iniciativas empresariais innovadoras e experiencias de éxito en proxectos de integración laboral do colectivo. Contaremos tamén con testemuños en primeira persoa de traballadores con enfermidade mental e de empresarios socialmente comprometidos, ademais de intervencións de múltiples profesionais de diversos ámbitos da saúde mental.
Un dos obxectivos fundamentais das Xornadas de Saúde Mental e Emprego é difundir boas prácticas e sensibilizar acerca da enfermidade mental, así como xerar un foro de difusión e debate social sobre as dificultades da saúde mental na súa vinculación co emprego. FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade.
A inscripción das VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego é gratuíta e nela poderán participar persoas con enfermidade mental, familiares, profesionais e estudantes relacionados coa saúde mental, axentes do mundo empresarial ou calquera outra persoa interesada. Para dúbidas ou consultas, podes poñerte en contacto connosco a través do email xornadasaudeemprego@gmail.com ou do teléfono 986 485 779.