Skip to main content
A asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración coa federación Saúde Mental FEAFES Galicia, celebra este venres 21 de setembro o VIII Campionato de Tenis de Mesa protagonizado por persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán nove asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma. 
O torneo terá lugar no Pavillón Campo da Serra (Av. Santa Icia, 27, 15570 Narón) dende as 09:30, hora á que comezarán a chegar os xogadores, ata as 14:00, hora prevista de remate. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán 49 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.
As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a nove asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes), APEM (Cee), Avelaíña (A Guarda), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Saúde Mental FEAFES Galicia (Santiago de Compostela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón).
 
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade.