Skip to main content
O xoves 14 de xullo, o Club de Ocio de FEAFES Vigo terá a oportunidade de coñecer de cerca a historia dun dos barcos máis lexendarios de todos os tempos a través dunha visita á exposición “Titanic, the reconstruction”.
Esta mostra conta con numerosos obxectos da época, dos cales destaca a maqueta do Titanic máis grande do mundo. A maior maqueta a escala do mítico barco ten unhas dimensións de 9 metros de eslora por 2,3 de manga. A reconstrución do lendario buque está reproducida ata o mínimo detalle e un dos seus atractivos é que o lado de estribor está aberto e deixa ao descuberto os detalles do interior da embarcación, desde a sala de máquinas ata os camarotes dos pasaxeiros das distintas clases. 
A visita comezará cun breve documental de 15 minutos acerca do afundimento do Titanic, despois do cal un guía amosará as distintas salas da exposición explicando que hai en cada unha delas. Nas vitrinas poden verse recreacións moi reais de obxectos do Titanic, como instrumentos musicais, ferramentas, vestidos de gala, unha caixa orixinal como as que viaxaban na adega e unha gran achega de medios audiovisuais de distintos momentos da historia.