Un total de 55 usuarios e monitores pertencentes a FEAFES Galicia e ás súas asociacións terán a oportunidade de pasar un día na Illa de Ons grazas ó programa “Coñece a túa provincia” da Deputación de Pontevedra. Trátase do sexto ano que a entidade pode disfrutar desta experiencia, sen dúbida moi beneficiosa e enriquecedora para os usuarios de FEAFES Galicia.
Aínda que os participantes na actividade quedarán antes, a excursión comezará ás 10:00, hora á que sairá o barco do pantalán de Portonovo en dirección á illa de Ons. Pola súa riqueza natural e paisaxística, a Illa de Ons é unha das compoñentes do primeiro parque nacional de Galicia. Ademais, Ons posúe unhas características sociais, históricas e etnográficas que, xunto á súa arquitectura popular e á súa excelente gastronomía, converten á illa nunha das máis interesantes da costa galega.
Tras pasar a mañá na illa, os visitantes regresarán a Sanxenxo para xantar ás 15:00. Dúas horas despois comezará a visita pola vila mariñeira de Portonovo, onde percorreremos a zona antiga, o mercado de abastos e o porto pesqueiro. A continuación desprazarémonos ata Sanxenxo para coñecer o núcleo urbano da vila, o seu visitado areal e o coñecido porto deportivo. A visita rematará ás 19:00, hora á que os usuarios regresarán ós seus concellos de orixe.
