O próximo sábado 30 de xaneiro, os membros do Club de Ocio de FEAFES Lugo realizarán unha orixinal saída na que terán a oportunidade de coñecer as instalacións do Aeródromo de Rozas, situado en Castro de Rey.
Construído polos alemáns durante a II Guerra Mundial, este espazo está destinado maioritariamente á aviación deportiva e nel celébrase cada ano a Volta Aérea a Galicia, un dos maiores acontecementos aeronáuticos de aviación deportiva do norte peninsular.
Durante a súa visita, o Club de Ocio de FEAFES Lugo paseará pola pista de aterraxe, coñecerá a torre de comunicación e visitará os dous hangares cos que conta o aeródromo. Estes últimos teñen unha superficie de 3.000m2 e neles se atopan recollidas as aeronaves que alberga o aeródromo.
Tras a visita, que previsiblemente durará arredor de hora e media, os visitantes de FEAFES Lugo aproveitarán para tomar algo na cafetería das instalacións e comentar as impresións da visita.