Skip to main content
O domingo 5 de xuño, o Club de Ocio de FEAFES Santiago realizará unha visita ao Bosque de Galicia, un espazo verde que se alza polas ladeiras do Monte Gaiás. A visita comezará ás 17:00 no complexo deportivo Multiusos Fontes do Sar, pero os participantes quedarán ás 16:15 na entrada principal do centro comercial Área Central.
O Bosque de Galicia conta con sete mil árbores de especies autóctonas (carballos, castiñeiros, salgueiros, bidueiros, espiños, loureiros…) e configúrase como un pulmón verde de 24 hectáreas ao lado de Compostela.
Ten unha rede de sendeiros peonís de 3 quilómetros que favorece o seu uso como lugar para o paseo, o contacto coa natureza e para todos os afeccionados ás actividades deportivas ao aire libre. A trama de carreiros permite, ademais, subir ao Gaiás elixindo itinerarios máis ou menos suaves, ofrecendo alternativas para todos os visitantes. 
O Bosque de Galicia conta con zonas de descanso e un fermoso miradoiro no alto onde descubrir unha das vistas máis descoñecidas de Santiago. Nel, un banco orientado cara ao oeste ofrece unha panorámica privilexiada para contemplar os atardeceres de Compostela.