Skip to main content
O sábado 8 de xullo celébrase o XI campionato de balompé “Todos polo Fútbol” no que participarán as asociacións Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES (Lugo, Santiago e Vigo), Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela) e Morea (O Barco).
O torneo celebrarase no Pavillón de Santa Isabel, en Santiago de Compostela, a partir das 09:30 da mañá. Disputaranse diversos partidos ao longo de toda a xornada que culminarán na final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. 
Ademais desta copa, no encontro celebrarase tamén a final da liga de FEAFES Galicia que comezou no mes de marzo. Nela enfrontaranse os equipos Lenda de Redondela e Morea de O Barco. Finalmente, ás 17:15 realizarase a entrega de premios aos campións de liga e de copa da man do Concelleiro de Medio Rural de Compostela, Rafael Peña.
O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través, neste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.