Saúde Mental FEAFES Galicia celebra este sábado, 7 de xullo, o XII campionato de balompé “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán oito equipos de asociacións de saúde mental de toda a comunidade autónoma.
O torneo terá lugar no Pavillón de Santa Isabel, en Santiago de Compostela, a partir das 09:30 da mañá. Disputaranse diversos partidos ao longo de toda a xornada que culminarán coa final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. Os equipos participantes pertencen a entidades federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES (Lugo, Santiago e Vigo), Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela) e Morea (O Barco).
Ademais desta copa, no encontro celebrarase tamén a final da liga de Saúde Mental FEAFES Galicia que comezou no mes de marzo. Nela enfrontaranse os equipos Lenda de Redondela e Morea de O Barco. Finalmente, ás 17:15 realizarase a entrega de premios aos campións de liga e de copa.
O evento, organizado polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través, neste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.
As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores.