20 anos de compromiso e esforzo

Saúde Mental FEAFES Galicia nace en 1995 como foro de encontro, debate, reflexión e acción para avanzar na normalización da saúde mental en Galicia

A nosa historia

Hai décadas, a atención asistencial ás persoas con problemas de saúde mental recaía maioritariamente nos seus familiares de maior proximidade, mentres que os casos máis extremos remataban internados en hospitais psiquiátricos onde o tratamento e a atención eran moi inaxeitados.

Na década dos 80, xurdiu un movemento social favorable á reforma psiquiátrica que culminou coa aprobación da Lei Xeral de Sanidade en 1986, unha norma que pretendía acabar coa exclusión que sufriran ata entón as persoas con problemas de saúde mental.

É neste contexto cando xorde o movemento asociativo de saúde mental, nacendo as primeiras asociacións galegas na Coruña (1980) e en Vigo (1987). Nos anos noventa xeneralízase o movemento por toda a comunidade e xorden, paulatinamente, o resto de asociacións.

Como punto decisivo deste proceso, en 1995 créase Saúde Mental FEAFES Galicia, que nace como foro de encontro, debate, reflexión e acción para avanzar no proceso de normalización da saúde mental na nosa comunidade.