Skip to main content

A Deputación de A Coruña colabora un ano máis co proxecto de inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental

 

Unha das nosas principais misións é acompañar ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia no seu camiño á inserción laboral e ao mantemento do posto de traballo.

A través da subvención que corresponde ao programa FOAXE-P para o mantemento de programas e servizos sociais, a Deputación de A Coruña colabora con nós cun importe de 23.200€, que supón un financiamento do 66,67% do custo total do Proxecto de inserción laboral para persoas con enfermidade mental durante o ano 2023.

Do mesmo xeito, a través da subvención correspondente ao programa FOIE para o investimento de servicios sociais do ano 2023, recibimos un importe de 6.949,73€, que supón un 80% do custo do acondicionamento das novas sedes da entidade en Santiago e en Coruña, incluíndo o mobiliario e equipo de ambos locais.

Accións para o fomento da inserción laboral

Ambas subvencións teñen como obxectivo mellorar as oportunidades de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental inscritas no servizo de emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Para isto, o proxecto subvencionado comprende accións de información, asesoramento, atención e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental na busca activa de emprego, tanto por conta propia como por conta allea. Realízanse itinerarios personalizados de inserción baseados na análise das necesidades individuais de cada persoa e a súa formación específica, adaptándose ás necesidades de cada persoa usuaria. Así, ofreceráselles formacións e accións de capacitación prelaboral adaptadas as súas necesidades, ben a través de obradoiros propios ou en colaboración con outras entidades e organismos. Ademais, o proxecto contempla accións de emprego con apoio, para aquelas persoas que o precisen.

Tamén se realizará formación en materia de igualdade como obradoiros de prevención dos malos tratos, afectividade e sexualidade, autoestima, etc. E formación e sensibilización individual.

Un espazo para a busca de emprego

Este ano continuaremos co punto TIC para a busca activa de emprego, onde as persoas usuarias poden acceder a equipos informáticos con conexión a internet, a teléfono e impresoras para poder xestionar a súa busca de emprego.

A finalidade é que, asesorados polo persoal técnico, dispoñan dun lugar desde onde poder elaborar e imprimir un CV, facer cartas de presentación, enviar as súas solicitudes de traballo por correo electrónico, inscribirse en portais de emprego, facer entrevistas on-line ou todas aquelas actividades vinculadas ao seu proceso de busca de emprego.

A maiores, contamos cunha pequena aula de informática para a realización da formación específica en competencias dixitais.

Coa achega destas subvencións, podemos seguir a traballar pola inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. Para que poidan conseguir e manter un emprego que lles permita sentirse máis integradas na sociedade e soster unha vida o máis autónoma posible.