Saúde Mental FEAFES Galicia acompaña en Santiago de Compostela a máis de 90 persoas en grave risco de exclusión e con problemas de saúde mental para favorecer a súa integración e mellorar a súa calidade de vida.
As persoas que viven na rúa son propensas a ter un problema de saúde mental. As que chegan a esa situación sen ter unha problemática psíquica teñen moitas posibilidades de ver deteriorada a súa saúde mental, e os que xa tiñan algún problema desta índole, pódeno ver agravado.
E pasar dunha situación de exclusión social a unha de inclusión non é sinxelo, e require dun largo período de tempo. Ademais, o das persoas sen fogar con problemas de saúde mental é un dos casos máis radicais de vulneración dos dereitos sociais. Na actualidade, apenas existen recursos específicos de atención en saúde mental para este colectivo, os cales deberan incluír programas psicolóxicos de rehabilitación, e non cubrir unicamente as necesidades básicas de aloxamento, comida e roupa.
En Saúde Mental FEAFES Galicia cremos firmemente que, cos apoios adecuados, as persoas con problemas de saúde mental en situación de grave risco ou de rúa poden recuperar as súas habilidades sociais e reintegrarse na sociedade.
Por iso no 2023, atendemos na capital galega a 92 persoas no noso Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión, financiado polo Concello de Santiago; das cales 11 pasaron polos pisos de transición que xestionamos na cidade.
Con este programa buscamos favorecer a integración e o enganche deste colectivo nos recursos normalizados, poñendo en marcha as accións e servizos oportunos axustados ás súas necesidades básicas. Para alcanzar este obxectivo, procuramos establecer unha rede de coordinación dos recursos sanitarios e sociais necesarios para a intervención con cada persoa participante.
Atención centrada en cada persona
No Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión, valoramos as necesidades de cada persoa usuaria para ofrecerlles a atención e os recursos que precisan.
Ó inicio, faise unha avaliación para establecer o itinerario a seguir con cada persoa e derivala ós diferentes servizos do proxecto, como son: as vivendas de transición, información e orientación, asesoría xurídica, ocio, emprego, etc. Os itinerarios e plans de traballo que se crean establécense de forma consensuada entre o equipo de traballadoras e traballadores e as persoas usuarias.
Ademais, apoiamos ó equipo que traballa na rúa e nos pisos de transición na detección de persoas que presentan síntomas de enfermidade mental e non teñen un diagnóstico ou non teñen un tratamento. Procuramos establecer unha relación sólida entre a persoa e os recursos sanitarios que precisa. Así como tamén prestamos apoio cando se producen situacións de crise, asesoramos ós equipos cos que traballamos en rede e apoiamos ás persoas usuarias que residen nos pisos de transición para que poidan cumprir cos obxectivos marcados no seu itinerario personalizado de inclusión.
Todas estas accións realizámolas en coordinación coas entidades implicadas na atención de cada persoa, como son outras entidades, servizos sociais, EVO, FUNGA, organismos de saúde e de saúde mental, administración pública etc. Para crear unha rede sólida que permita ás persoas con problemas de saúde mental en grave risco de exclusión mellorar a súa calidade de vida.