Skip to main content

Continúa a desenvolverse o convenio entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o CERMI destinado a promover a inclusión laboral das persoas con discapacidade. Neste marco, Saúde Mental FEAFES Galicia está desenvolvendo o PIE CERMI, no que participan 131 persoas cun problema de saúde mental

 

O traballo é un piar fundamental para o desenvolvemento persoa e a consecución dunha vida independente e plena a todos os efectos. Pero as persoas con problemas de saúde mental atopan grandes dificultades para acceder ao emprego.

Coa intención de mellorar a súa empregabilidade, lévase a cabo o PIE CERMI de Saúde Mental FEAFES Galicia, que nace dun convenio entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o CERMI Galicia e está destinado a persoas inscritas no Sercizo Público de EMprego e que teñan recoñecida unha discapacidade por cuestións de saúde mental.

 

 

Actuacións neste 2023

 

O convenio, que arrancou no pasado 2022, continúa a desenvolverse neste 2023 en seis delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. Nel están participando 131 persoas ás que se lles ofrece un itinerario personalizado de inserción. Este itinerario inclúe: accións de asesoramento, accións formativas incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal, técnicas de coaching, competencias dixitais, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial e prácticas laborais.

 

 

Dentro das accións xa iniciadas, os participantes de Lugo asistiron a unha charla sobre a Xustiza Social e o Emprego, a dous obradoiros, sobre Mobilidade Laboral e Emprendemento, e sobre Motivación e Entrevistas. E esta semana iniciaron o curso de Competencias dixitais básicas para o emprego.

Pola súa parte, na delegación de Ourense leváronse a cabo dous talleres, de Motivación e entrevistas laborais, e de Competencias Dixitais, así como un curso que lle permite obter, ás persoas participantes, o carné de carretillero.

Finalmente, esta semana tamén, Pontevedra iniciou o seu obradoiro de Motivación e Perfil Profesional.