Skip to main content

De Par en Par atende a 100 personas con problemas de saúde mental en toda Galicia.

Un ano máis, Saúde Mental FEAFES Galicia continúa co programa De Par en Par. Este proxecto de inclusión social é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social.

O programa ofrece unha atención personalizada ás necesidades específicas das persoas con problemas de saúde mental, mellorando as súas competencias básicas para afrontar situacións de crise, implicando ás familias e persoas achegadas no proceso de recuperación ou poñendo en marcha accións grupais para o fomento da súa autonomía e inclusión social.

Un programa con repercusión autonómica

Un ano máis, dobramos o número de participantes neste proxecto grazas ó apoio da Consellería de Política Social e Xunventude. Cando o ano pasado foron 55 persoas, este ano arrancamos co proxecto de Par en Par cun total de 100 participantes. Homes e mulleres de toda Galicia que teñen algún tipo de problema de saúde mental e que se atopan nunha situación de risco de exclusión. Isto é: mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con dificultades de acceso aos recursos, con carencias nas necesidades básicas, etc.

Estas persoas, residentes de Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Coruña e Santiago; reciben atención e asesoramento para abordar as súas necesidades de forma personalizada. No programa  traballamos coas persoas non só na oficina, senón que se lles ofrece apoio presencial en situacións reais como o acompañamento a centros sanitarios, a realización de xestións administrativas ou o apoio en actividades da vida cotiá. Con estas accións buscamos mellorar a súa calidade de vida e facilitar a súa inclusión na comunidade.

Este proxecto é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins Sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.