Grazas ó apoio da Consellería de Política Social e Xuventude, durante o 2023 e ata o 2025 traballamos pola inclusión social a través de dous programas de inclusión sociolaboral.
Pasar dunha situación de exclusión social a unha de inclusión non é doado, e require dun longo periodo de tempo. No camiño interveñen elementos varios e procesos multidimensionais, como os aspectos económicos e laborais, pero tamén o que ten que ver cos aspectos sociais e relacionais e, por suposto, a situación persoal e a saúde.
Por isto, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve durante o 2023 e ata o 2025 o programa de Inclusión Social que consta de dous itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ó emprego. Proxecto financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e cofinanciado parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027. Grazas a este programa traballamos con 100 persoas en risco de exclusión social e con problemas de saúde mental, das cales 30 son persoas en situación de senfogarismo.
Atención centrada en cada persona
Estes proxectos responden á necesidade de actuar contra a vulnerabilidade, as barreiras e o illamento social co que conviven as persoas con problemas de saúde mental.
Consideramos necesario levar a cabo medidas de protección que favorezan a calidade de vida destas persoas. Estas medidas teñen un carácter integral e multidisciplinar e buscan atender ás necesidades de cada persoa participante e facilitar o apoio e o acompañamento social necesario para unha inclusión e reinserción sociolaboral.
Itinerario de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ó emprego para persoas con problemas de saúde mental
Neste itinerario proporcionamos atención directa desde as delegacións de A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo e Vigo a 80 persoas desempregadas con problemas de saúde mental.
Proporcionamos apoio integral, acciones de orientación e asesoramento para a busca de emprego, accións para facilitar a adquisición de habilidades e competencias que melloren a empregabilidade, buscando a adaptación ás necesidades específicas de cada persoa.
Ademais de traballar as cuestións asociadas directamente coa inclusión laboral, ofrécese un acompañamento social que garanta unha estabilidade social e económica aceptable nas persoas máis vulnerables.
Itinerario de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ó emprego para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión e con problemas de saúde mental
A través deste itinerario traballamos nas delegacións de A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo con 30 persoas con problemas de saúde mental e en situación de sen fogar ou en grave risco de exclusión social.
Esta situación de senfogarismo e exclusión social é o resultado de sumar unha serie de elementos e procesos multidimensionais: os problemas económicos e laborais, as dificultades sociais e relacionais, os problemas persoais e de saúde.
Mediante este itinerario procuramos traballar en todas estas áreas, realizando un acompañamento que nos permita cubrir as necesidades básicas de cada persoa. Ademais, intentamos facilitar o acceso e a vinculación co sistema de saúde e traballamos na prevención xeral mediante a adquisición de hábitos saudables.