Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa Conectad@s co emprego coa finalidade de mellorar a empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental en Vigo.
Desde xaneiro de 2024, Saúde Mental FEAFES Galicia leva a cabo en Vigo o programa Conectad@s co emprego. Esta iniciativa, realizada co apoio da Fundación ONCE e Cofinanciada pola Unión Europea FSE+ Programa FSE+ de Inclusión Social 2021/2027, fomenta a inclusión activa e busca promove a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa das persoas en situación vulnerable.
Este programa desenvólvese no marco dunha atención integral. Aténdense as necesidades específicas das persoas participantes e a súa rede de apoio, o que repercute na súa calidade de vida e na inclusión sociolaboral.
Ademais, trabállase o apoio entre iguais, grazas o cal se establecen parellas con habilidades, coñecementos, dificultades e capacidades complementarias co obxectivo de que se poidan apoiar mutuamente no alcance dos obxectivos.
Cabe destacar que esta formación combina a presencialidade e o traballo co apoio online a través dun aula virtual. Contribuíndo así á mellora do uso das tecnoloxías e a conciliación
Teoría e práctica para achegarnos ao emprego
O noso programa traballa con 10 persoas, 6 mulleres e 4 homes, que se atopan en situación de desemprego e que teñen recoñecida unha discapacidade por mor de saúde mental.
Ata setembro, as persoas participantes recibiron formación teórica e práctica para mellorar a súa empregabilidade. A formación teórica está destinada a adquirir aptitudes, habilidades e competencias necesarias para a inclusión social e laboral. Tamén se levan a cabo dous módulos de competencias transversais: igualdade de xénero no ámbito laboral e ferramentas para a busca activa de emprego. Tras isto, as persoas participantes recibiron unha formación específica que lles permite adquirir capacidades para o entorno laboral.
Rematada a parte teórica, realizaron prácticas non laborais. Estas prácticas benefician tanto ás persoas usuarias do programa como ás empresas. Por un lado, elimínanse e rómpense barreiras fronte os prexuízos e, por outro, créase un espazo seguro no que as persoas usuarias poden adquirir os coñecementos específicos do posto dentro do funcionamento normal da empresa.
As empresas que colaboraron nas prácticas deste curso foron: Arenal, Mantelnor, Fundación Nortempo, MRW, AVCD Cabral, Método, OsteoVigo, Ute e Visual. As persoas participantes definiron a súa experiencia como enriquecedora e moi satisfactoria. Todas remataron a formación teórica e a práctica con éxito.