Skip to main content

O xogador acada o primeiro premio do XXII Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e a asociación A Creba, coa colaboración da Sociedade Liceo de Noia.

O venres 21 de marzo, Noia foi escenario do XXII Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e a asociación A creba. No encontro, levado a cabo coa colaboración da Sociedade Liceo de Noia participaron varias entidades de saúde mental de toda Galicia.

Máis de 40 xogadoras e xogadores de A Creba, Alume, Andaina, Apem, Avelaíña, Doa, Lenda e Saúde Mental Ferrol; trasladáronse ata Noia para gozar desta xornada.

 

Manuel Otero recolle o primeiro premio e o segundo viaxa a Cee da man de Luis Cores

O torneo comezou sobre as 10h da mañá. Sobre as 13h, Manuel Otero, da asociación Doa, acadaba o primeiro posto nunha disputada final fronte a Luis Cores, da asociación APEM. Os dous terceiros postos ocupáronos Salustiano Rivera, da asociación Alume; e Jonathan Vidal, da asociación A Creba.

Finalmente, na entrega de premios interviñeron Sandra González, concelleira de Deportes de Noia; Óscar Prego, presidente da Sociedade Liceo de Noia; Rubén Seijo, monitor deportivo da Sociedade Liceo de Noia; e Álex Núñez, técnico de A Creba.

Todas as persoas participantes recibiron unha medalla para premiar a súa participación. A continuación do evento, realizaron unha visita ao Museo das Laudas na Igrexa de Santa María a Nova e finalizaron cunha comida de convivencia. Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos agradecer enormemente a colaboración da Sociedade Liceo de Noia na organización deste torneo.

Un torneo pola saúde mental

Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia, mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental. Desta forma combatemos activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.

Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organizamos axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socialízanse e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

 

 

Grazas a todas as persoas participantes!

Coa colaboración de: