Skip to main content

Persoas usuarias, familiares e profesionais das entidades de Saúde Mental FEAFES Galicia reunímonos o pasado 17 de xuño nun encontro de convivencia que puxo en valor o traballo que se realiza en favor das persoas con problemas de saúde mental.

O pasado sábado 17 de xuño tivo lugar eo Encontro do Movemento Asociativo organizado por Saúde mental FEAFES Galicia. A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu a máis de 300 persoas vinculadas á entidade e ás 12 asociacións que a conforman.

O movemento asociativo leva décadas traballando na defensa dos dereitos e na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias. Neste encontro púxose en valor o traballo que se realiza cada día en favor da autonomía e a integración social destas persoas; logrando poñer en marcha, ao longo destes anos, múltiples dispositivos, proxectos e recursos que dan resposta ás necesidades que tiña o colectivo e que non estaban cubertas.

Entre as máis de 300 persoas que asistiron ao encontro houbo familiares, persoas con problemas de saúde mental e persoas traballadoras, que estiveron acompañadas pola actriz e monologuista Lucía Veiga, encargada de conducir o acto.

D. Julio García Comesaña, Conselleiro de Sanidade, foi o encargado de dar a benvida. O Conselleiro acudiu acompañado pola Xefa do Servizo de Saúde Mental do SERGAS, María Tajes Alonso, e o Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente. Tamén interveu Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, que agradeceu a asistencia ao acto e recoñeceu o enorme traballo que realizan a federación e as asociacións, facendo referencia aos logros conseguidos ao longo destes case 30 anos de labor.

O encontro continuou cunha mesa redonda sobre saúde mental e autonomía na que interviñeron familiares e profesionais. Mar Piñeiro, presidenta de Fonte da Virxe, conversou con Iván Sanmartín, asesor xurídico de Saúde Mental FEAFES Galicia, sobre as novidades lexislativas respecto ao apoio xurídico das persoas con discapacidade. Pola súa banda, Fernanda Orduna, presidenta de Avelaíña, e Beatriz Fernández, coordinadora de programas e autonomía persoal de Salud Mental León, falaron da figura do asistente persoal que teñen moi desenvolvida na comunidade veciña.

Un dos momentos máis especiais vividos durante o acto foi a entrega de premios do III Concurso de Fotografía “Fai zoom á túa saúde mental“, organizado polo Comité en Primeira Persoa de Galicia. Ademais de entregar os galardóns ás tres premiadas, o Comité animou ás persoas asistentes a ver algunhas das obras que se presentaron ao concurso e que estiveron expostas durante o evento.

O acto pechouse cunha actuación de impro da man do dúo cómico Izquierdo Sisters, que espertou grandes gargalladas entre o público e deu paso finalmente a unha comida de convivencia onde se intercambiaron experiencias, aprendizaxes e bos momentos.

Partindo de cero: décadas de traballo pola saúde mental

Desde o nacemento da federación Saúde Mental FEAFES Galicia en 1995, o movemento asociativo logrou ofrecer apoio e atender a máis de 10.000 persoas con problemas de saúde mental, familiares e persoas achegadas.

Antes de que existisen as asociacións de saúde mental, as persoas cun diagnóstico psiquiátrico carecían dunha atención específica, estaban abandonadas. Por iso, o gran logro do movemento asociativo foi abrir portas que estaban pechadas e crear recursos de apoio que no seu momento resultaban impensables, partindo de cero.

Ao longo deste tempo, achegouse ao colectivo escoita, apoio mutuo e a perspectiva dun futuro máis digno, demostrando que cos apoios necesarios, a situación das persoas con problemas de saúde mental mellora radicalmente. Do mesmo xeito, logrouse camiñar cara a unha percepción social máis normalizada, rompendo estereotipos e ideas erróneas sobre as persoas con problemas de saúde mental.

Saúde Mental FEAFES Galicia quere agradecer a todas aquelas persoas usuarias, traballadoras, familiares, etc., a súa asistencia e colaboración para que este Encontro do Movemento Asociativo fose un éxito. Moitas grazas!