100 persoas con problemas de saúde mental participan este ano no Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal.
Saúde Mental FEAFES Galicia pon en marcha un novo ano do Programa Integrado de Emprego de FEAFES 2023/24. Iniciativa financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
O obxectivo deste programa é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.
Este programa contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais para facilitar a adquisición de habilidades laborais que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.
100 persoas con algún problema de saúde mental participan no Programa Integrado de Emprego
O programa desenvólvese en Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nel participarán 100 persoas inscritas no servizo público de emprego e que teñen recoñecida unha discapacidade a causa dun problema de saúde mental.
Durante o programa, as persoas participantes recibirán unha atención adecuada ás súas necesidades e obxectivos. Entre as accións contempladas no marco deste programa, están:
- Accións de asesoramento
- Formacións incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal
- Técnicas de coaching
- Formación en competencias dixitais
- Fomento da capacidade emprendedora
- Prospección empresarial
- Prácticas profesionais non laborais en empresas
Ademáis, as persoas participantes contarán cunha beca de asistencia ás accións do programa de 10€ diarios.
A través deste programa, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ó emprego, podendo así alcanzar os seus obxectivos persoais e profesionais.