Só o 12.9% das persoas con diagnóstico en saúde mental compartiu o seu problema no traballo. Co gallo do Día Internacional das Traballadoras e Traballadores, a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA pon en marcha a campaña #EmplearSinBarreras, contra o estigma e a falta de inclusión das persoas con problemas de saúde mental no entorno laboral.
Unha persoa cun problema de saúde mental pode traballar. A nosa experiencia nos programas de emprego demostran que ademais, na maioría dos casos, estes traballadores e traballadoras acaban sorprendendo ó empresariado pola súa dedicación, motivación e calidade de traballo.
Pero segundo datos do INE no seu informe “O emprego e as persoas con discapacidade(EPD)” do ano 2021, tan só o 17,7% das persoas cunha discapacidade psicosocial teñen un emprego. No ano 2020 era o 17,1%, o que supón unha diferencia de só seis décimas, mantendo a discapacidade psicosocial como a segunda con menor taxa de emprego.
Esta baixa inserción laboral é unha das principais barreiras para a integración das persoas con problemas de saúde mental e unha perda de persoal capacitado para o entorno laboral. Por iso, desde Saúde Mental FEAFES Galicia apostamos por todo tipo de recursos que faciliten a súa inserción laboral como a formación prelaboral e laboral, a sensibilización empresarial, as cotas de reserva para persoas con discapacidade e o emprego con apoio.
Un estigma arraigado
As dificultades non se atopan só no momento de atopar un emprego. Se non tamén dentro da propia contorna laboral. Segundo o estudo “A situación da saúde mental en España”, publicado recentemente pola Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA e a Fundación da Mutua Madrileña, as persoas cun trastorno mental evitan revelar este feito nunha entrevista de traballo e só un 12,9% das que teñen un diagnóstico o comparte coas súas compañeiras e compañeiros de traballo. Este silencio está xustificado polo medo a xerar desconfianza e a ser etiquetadas, xa que máis da metade das persoas diagnosticadas sofre rexeitamento social ou discriminación, en especial no traballo.
Baixo o hashtag #EmplearSinBarreras, a Confederación difunde dous vídeos de sensibilización que buscan informar e desterrar mitos sobre as persoas con problemas de saúde mental no eido laboral.
Con esta iniciativa tamén se quere poñer de manifesto que o emprego é unha das principais causas de preocupación da poboación española e que pode afectar negativamente á súa saúde. Por iso queremos sinalar que deben existir medidas que protexan a saúde mental das persoas traballadoras. Medidas encamiñadas a desprecarizar o mercado laboral, a promocionar a saúde e que estean apoiadas por un sistema sociosanitario público de calidade ó que se destinen os recursos económicos, humanos e materiais necesarios.