Skip to main content
A conduta suicida constitúe un grave problema de saúde pública debido ao gran número de persoas afectadas, sendo a principal causa non natural de mortalidade en Galicia e en España. Na nosa comunidade autónoma, rexistráronse 346 suicidios en 2016, sendo a terceira de España en números absolutos de mortes por suicidio. Sen embargo, se analizamos o peso destas mortes en relación á poboación, Galicia sitúase na cabeza con 11,08 suicidios por cada cen mil habitantes.
O número de persoas que perden a vida a causa dun suicidio é 2,44 veces superior ao de falecidos en accidentes de tráfico, e aínda así non existen medidas de prevención, detección e axuda suficientes para facer fronte a esta realidade. Na maioría dos plans de saúde, a prevención do suicidio figura como un dos obxectivos principais, pero á hora da verdade non se lle dedica o traballo nin os recursos económicos que require.
Os datos indican que cando se implantan bos programas de detección e axuda, os índices de suicidio baixan. Na unidade de prevención de suicidio de Ourense, unha das poucas que existen en España, tan só o 9% dos pacientes con intentos suicidas tratan de quitarse a vida de novo. Saúde Mental FEAFES Galicia insiste, por tanto, na importancia de implementar estes programas así como impartir formación aos profesionais e brindar apoio ao persoal médico, diagnosticar posibles condutas suicidas e prestar especial atención ás persoas reincidentes.
O tratamento do suicidio debería pasar por unha abordaxe transversal do mesmo para mitigar os seus efectos: prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidado dos trastornos mentais. Non debemos esquecer que, segundo a Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde, a taxa de mortalidade por suicidio das persoas que presentan un trastorno esquizofrénico é 9 veces maior que a da poboación xeral, na depresión maior o risco de suicidio multiplícase por 21, nos trastornos de alimentación por 33 e nas toxicomanías por 86. 
Por iso é imprescindible sensibilizar sobre a transcendencia do suicidio e orientar a aquelas persoas que poidan atoparse en situacións de risco e ás súas familias, así como combater a culpabilización da conduta suicida. Para iso, Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece un servizo de información e asesoramento gratuíto así como un teléfono gratuíto de consulta ao que pode chamar calquera persoa para pedir apoio e consello profesional: 900 102 661.

O tabú, o maior obstáculo para a prevención

Na nosa sociedade existe un enorme pánico a falar sobre o suicidio, en parte por medo a que tratando este tema se poida inducir a un maior número de mortes intencionadas. A OMS denuncia que este está perigosamente acompañado de palabras como estigma e tabú, impedindo que as familias, achegados, persoas que tiveron experiencia de suicidio en primeira persoa e os responsables públicos falen do tema de xeito aberto e efectivo. 
Unha parte importante dos suicidios poderíanse previr e, por tanto, evitar, e para iso é preciso visibilizar o problema e instar ás autoridades a que elaboren plans de prevención e actuación, dotados cos recursos materiais e humanos necesarios.
O Día Mundial da Prevención do Suicidio é unha data propicia para facer un chamamento a aumentar a concienciación social e evidenciar a necesidade de mellorar a prevención e o control dos suicidios. Para iso, é necesario o control ambiental dos factores de risco, a difusión axeitada da información, a mellora da eficacia das intervencións nas áreas de saúde mental e a eliminación do tabú que existe en torno a este tema.

Campaña # HablaDelSuicidio: Mitos e Realidades

Ante esta situación, a Confederación Salud Mental España elaborou unha campaña de concienciación en redes sociais baixo o hashtag #HablaDelSuicidio, na que insta á sociedade para visibilizar este fenómeno que afecta a tantas persoas no noso país. Desde a Confederación, deféndese que falar é o primeiro paso para traballar na prevención.
Segundo explica o seu presidente, Nel A. González Zapico, para previr a conduta suicida “é imprescindible acabar cos mitos e ideas erróneas sobre o suicidio para facilitar a desestigmatización e culpabilización e, con iso, facilitar que as persoas con ideacións suicidas pidan axuda”. 
Entre os mitos máis arraigados sobre o suicidio, ademais da idea de que non se pode previr, tamén existe a crenza de que as persoas que se suicidan son egoístas (ou valentes), cando a realidade é que a conduta suicida non está vinculada con estas cualidades, senón cun altísimo grao de sufrimento da persoa.
A campaña incide tamén en que, ao contrario do que habitualmente se pensa, os intentos de suicidio non son unha chamada de atención, senón a manifestación da desesperación e dor que sente a persoa. Tampouco é certa a idea de que a persoa que quere acabar coa súa vida non avisa, xa que moitas persoas revelan dalgunha maneira as súas intencións á súa contorna.