O 65% das persoas participantes conseguiron un contrato laboral tras finalizar o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal.
Saúde Mental FEAFES Galicia rematou en outubro o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
O obxectivo deste programa é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.
As formacións que se fixeron durante o programa pertencen ao catálogo de formacións do Servizo Público de Emprego (SEPE). E permiten que as persoas usuarias actualicen e reforcen as súas competencias de cara a mellorar a súa empregabilidade.
Formamos para o emprego
O 15 de outubro do 2024 iniciábamos o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025. A nosa meta era mellorar a empregabilidade das 100 persoas participantes nas provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Para conseguilo, ofrecemos atención adaptada a cada participante. Elaboramos itinerarios personalizados de inserción nos que se inclúen accións de asesoramento, formacións incluídas no catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal, formacións en técnicas de coaching e en competencias dixitais, fomento da capacidade emprendendora, prospección empresarial e prácticas non laborais.
Ademais, o programa financiou becas de desprazamento, medidas de conciliación para facilitar o acceso ao emprego, a obtención de carnés profesionais, accións formativas ou medidas de apoio.
Este ano, realizamos un total de 350h de formacións do catálogo do Servizo Público de Emprego como técnicas administrativas, almacén, manipulación de alimentos, ofimática, control de accesos, limpeza, etc. Tamén ofrecemos 212 horas de formación prelaboral orientada a dotar ás persoas das habilidades e competencias precisas para achegarse ao mercado laboral.
Inserción laboral
O emprego é un eixo de integración social e un piar para a autonomía. Pero as persoas cun problema de saúde mental teñen unha taxa de ocupación extremadamente baixa, un 17,5%. Os programas específicos como este, permiten aumentar siginificativamente as opcións de isnerción destas persoas.
Os resultados deste ano foron moi positivos, xa que segundo a nosa base de datos ao longo dos 12 meses que dura o proxecto o 65% das persoas participantes lograron un contrato laboral, e o 47% das usuarias e usuarios do programa conseguiron unha contratación de máis de tres meses de duración. Ademais, 31 persoas realizaron prácticas non laborais en empresas, o que lles permitiu adquirir coñecementos específicos do posto dentro do funcionamento normal dunha empresa.
O apoio da Xunta de Galicia para o desenvolvemento destres programas é fundamental para mellorar os resultados do noso traballo. Así demóstrase que, cando se realizan programas específicos con profesionais especializados, as taxas de inserción son moito maiores. E así podemos seguir traballando para que as persoas cun problema de saúde mental poidan ter unha vida autónoma digna.


