A Asociación Andaina celebra 15 anos camiñando pola saúde mental cunha imaxe renovada e moitas actividades conmemorativas.

Hai 15 anos, Andaina Pro Saúde Mental iniciaba o seu camiño co compromiso de apoiar ás persoas con problemas de saúde mental no desenvolvemento do seu proxecto vital.

A asociación xurdiu da iniciativa social e familiar. Sabían que a saúde mental era, e segue a ser, unha das grandes esquecidas cando se fala de recursos de atención pública, en especial nas contornas rurais. É certo de que se lle vai dando cada vez máis visibilidade a través dos medios e das redes sociais pero o acceso a apoios adecuados, constantes e próximos á contorna da persoa continúan sendo unha tarefa pendente. E é aquí onde as entidades como Andaina Pro Saúde Mental xogan un papel clave.

 

Acompañamento e construción de respostas reais

A asociación Andaina, leva 15 anos construíndo unha entidade comunitaria coa confianza das persoas participantes e das súas familias. E grazas tamén ao apoio de entidades colaboradoras e das administracións. Pero especialmente grazas á implicación cotiá das persoas participantes que fan de Andaina un espazo vivo e auténtico.

En Andaina teñen claro que non se trata só de ofrecer apoio terapéutico ou actividades rehabilitadoras, senón de construír un espazo onde tecer relacións, compartir experiencias e participar activamente na sociedade.

Para isto crearon dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL), un en Ordes e outro en Dodro. Este feito marcou un cambio na atención ás zonas rurais da área sanitaria de Santiago de Compostela e o Barbanza. E permitiu que a asociación seguise co seu modelo de acompañamento centrado nas persoas usuarias.

Unha nova imaxe para unha nova etapa

 

A asociación Andaina aproveita este 15 aniversario para presentar o seu novo logo. Unha imaxe que nos mostra ese camiño que é o proceso de cada persoa. Un símbolo que manteñen din: “porque fala do avance paso a paso, de acompañamento, de coidade e de compromiso en comunidade”.

Para conmemorar este aniversario, estanse a desenvolver distintas accións. Entre elas un libro de receitas solidario que pronto se poderá adquirir, unha andaina benéfica pola saúde mental o 7 de setembro, e a colocación de petos solidarios en establecementos colaboradores; entre outras iniciativas.

Pero a cita sinalada será o 10 de outubro, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental. Ese día celebrarán un acto solidario aberto á comunidade no que buscan poñer en valor todo o camiño percorrido e o que seguirán construíndo. O evento, que terá lugar no Hotel Peregrino de Santiago de Compostela, contará coa presenza de persoas referentes galegas e comprometidas cosa saúde mental como Pablo Meixe, Ángel Carracedo e Lucía Aldao.

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos felicitar a Andaina, ás persoas usuarias, ás súas familias e persoas achegadas, a Xunta Directiva e, por suposto, ós seus traballadores e traballadoras, por estes 15 anos de camiño incansable a favor da saúde mental.

Parabéns!

 

Share