As empresas ALLENTUM, CLECE, BALIDEA, CALFENSA, LACERA e URBASER, que desenvolven a súa actividade en Lugo, presentaron hoxe a súa colaboración co programa “Xuntos Somos Capaces” de Fundación MAPFRE. Esta iniciativa, que foi presentada no Concello de Lugo, permitirá promover a formación ocupacional e a inserción laboral de 20 persoas con enfermidade mental que prestan servizos para o Concello desta cidade.
Grazas a esta iniciativa, que foi posible grazas ao apoio do Concello de Lugo e ao da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), estas persoas que se atopan en risco de exclusión social e en situación de desemprego de longa duración, desempeñarán prácticas non laborais nas devanditas empresas con posibilidade de contratación.
Deste xeito poderán adquirir experiencia en tarefas relacionadas coa xardinería, limpeza e limpeza viaria, mantemento informático e xestión de eventos, para o que recibirán o apoio e o seguimento necesario por parte de profesionais especializados de FEAFES Galicia.
No acto participaron Dna. Lara Méndez López, Alcaldesa de Lugo; Dna. Esther López Vázquez, Directora de MAPFRE en Lugo; D. Manuel Fernández Prado, Vicepresidente de FEAFES Galicia e Presidente da Asociación ALUME; D. José Ramón Panete, Conselleiro Delegado de CALFENSA; D. Jesús Manuel Gayoso, Xestor de Servizos do Grupo LACERA; D. Jaime Martínez Anido, Delegado de URBASER; D. Carlos Segade, Director de Relacións Institucionais de BALIDEA; Dna. Noemí Díaz Vázquez, Xefa de Servizo de CLECE e D. Ignacio Crecente González, Xerente da empresa Allentum.
A inserción laboral de persoas con enfermidade mental
O traballo constitúe un dos compoñentes clave para o desenvolvemento persoal e a consecución dunha vida independente. Que unha persoa con enfermidade mental traballe non é exclusivamente unha cuestión de dereito ou ideoloxía, tamén beneficia á súa saúde mental.
Sen embargo o acceso ao traballo é un obxectivo afastado para as persoas con enfermidade mental, xa que o desemprego e a marxinación do mundo laboral representa unha das máis importantes desvantaxes sociais que sofre este colectivo.
Dende o ano 1995, FEAFES Galicia asumiu como un dos seus obxectivos o desenvolvemento de accións e medidas que fomenten a incorporación do colectivo de persoas con enfermidade mental ó mundo laboral. No ano 2002 ponse en marcha o Programa OEDEM (Observatorio de Emprego de Persoas con Enfermidade Mental), pioneiro na Comunidade Autónoma Galega, que ofrece servizos de información, orientación, formación, intermediación laboral e apoio para o mantemento do posto de traballo.
Programa de Prácticas Non Laborais
A preocupación de FEAFES Galicia por proporcionar mellores oportunidades de inserción laboral ás persoas con enfermidade mental fixo que se planificara como obxectivo prioritario a posta en marcha dun Programa de Prácticas Non Laborais que dera resposta ás necesidades específicas do colectivo: dificultades derivadas da propia enfermidade, dificultades derivadas do prexuízo social e dificultades derivadas da situación do mercado laboral.
A través deste programa, 20 persoas con enfermidade mental poderán mellorar as súas posibilidades de empregabilidade a través dunha combinación de medidas que facilitarán o acceso a un emprego de calidade así como a sensibilización e intermediación co sector empresarial .
As prácticas non laborais permiten promover o desenvolvemento profesional dos seus participantes dende unha perspectiva eminentemente práctica, a través da aprendizaxe en situacións laborais reais, favorecendo a consolidación de coñecementos e a adquisición e fortalecemento de hábitos laborais e habilidades interpersoais, factores clave para o rendemento e o encaixe de calquera traballador no posto de traballo.