206 homes e 18 mulleres participaron no programa PAIEM. Este proxecto lévase a cabo en centros penitenciarios e centros de inserción social de Galicia.
En Saúde Mental FEAFES Galicia contribuímos á rehabilitación psicosocial das persas que se atopan privadas de liberdade, así como tamén mediamos na súa reinserción social.
Para isto, levamos a cabo o Programa de Atención Integra ó Enfermo Mental en Prisións (PAIEM) nos centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a través da nosa delegación de Ourense. O PAIEM aplícase tamén nos demais centros penitenciarios de Galicia a través das asociacións Alume (Bonxe e Monterroso), Lenda (A Lama e CIS Vigo) e APEM (Teixeiro e CIS Coruña). Este programa conta coa financiación da Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, así como co apoio da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias.
Chegando cada vez a máis persoas
No 2024 beneficiáronse dese programa un total de 224 persoas, das que 206 foron homes e 18 mulleres. Destas persoas 111 foron novas altas. Estes datos indican un aumento nas persoas beneficiarias xa que no ano 2023 foron 218.
A intervención ten como obxectivo que as persoas participantes coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía, evitando recaídas e mellorando a súa calidade de vida. Tamén busca favorecer a súa participación nos distintos programas e recursos do centro.
Ademais, as familias xogan un papel importante no proceso de rehabilitación, por iso buscamos a súa implicación e lles prestamos apoio psicolóxico e formación.
Como fin último, queremos lograr que as persoas usuarias estean capacitadas para a súa reinserción social e para ter unha vida en liberdade positiva.
O traballo no centro
No programa PAIEM establécese un plan individualizado de intervención con cada unha das persoas participantes. Durante todo o proceso realízase un traballo tanto individual como en grupo coas persoas internas. Facémolo en colaboración coas persoas funcionarias e demais profesionais do equipo técnico do centro.
Realizamos talleres grupais para persoas internas nos que traballamos habilidades sociais, rehabilitación cognitiva, psicoeducación, psicoterapia, técnicas de vida saudable e planificamos outras formacións que poden levar a cabo segundo as circunstancias do centro.
Tamén programamos saídas terapéutica, tanto individuais como grupais, para fomentar a cohesión grupal das persoas internas e o equipo terapéutico do centro fóra do contexto penintenciario. Nas saídas promovemos a saúde mental e os hábitos de vida saudables, reforzamos a súa adaptación social e dotamos de sentido todo o seu proceso rehabilitador.
Ademais, facemos intervención psicolóxica individualizada coas persoas internas, atendendo as súas demandas e necesidades, apoiándoas e informándoas durante todo o proceso.
Finalmente, tamén traballamos a intervención coas familias, xa que representan un elemento fundamental na rehabilitación das persoas usuarias.
A vida fóra do centro penitenciario
O traballo que realizamos a través do programa PAIEM non finaliza unha vez que a persoa sae do centro penintenciario, senón que realizamos unha labor de acompañamento no proceso de reinserción social.
Para iso, servimos de ponte entre a persoa e os servizos de saúde mental da súa contorna, favorecendo unha atención integral naqueles aspectos nos que a precise, como poden ser o socioeconómico, familiar, emocional, xurídico, ocio, etc.
